Saltar ao contido

Épafo (fillo de Ío)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Épafo era fillo de Zeus e a sacerdotisa Ío. Como sexa que a esposa de Zeus, Hera perseguía a tódalas amantes e fillos de Zeus, este, para protexer a Ío, converteuna en vaca branca [1]. Pero Hera seguiu tras ela e mandoulle ó xigante Argos Panoptes, de cen ollos, a que a matara, pero este resultou morto por Hermes. Logo, Hera mandoulle un tabán para atormentala, polo que Ío, desesperada, botouse ó mar, que desde entón se coñece como mar Xónico, e escapou nadando ata Exipto, onde pariu nas beiras do Nilo tras recuperar a aparencia humana grazas ós aloumiños de Zeus.

"Cando se calmou a deusa, Ío recobra a súa figura anterior e convértese no que que foi antes. Fuxen do seu corpo as ásperas crinas, minguan os cornos, estréitase a órbita dos ollos, contráese a abertura da boca, reaparecen os ombros e as mans e, desaparecidos os pezuños, disólvense en cinco uñas cada un; nada queda nela da vaca senón a brancura da súa figura. A ninfa, feliz co uso dos dous pés, érguese e teme falar para non bradas como unha xovenca, e nerviosa intenta de novo as palabras perdidas. Agora é unha deusa venerada por unha multitude vestida de liño. Épafo, crese por fin, naceu dela do seme do gran Xúpiter".
(Ovidio: Metamorfosis I,738-749)

Hera ordenou ós Curetes, sacerdotes guerreiros, que secuestraran e agocharan ó meniño para que Zeus non puidese atopalo. E efectivamente, fixérono tan ben que Zeus non o deu atopado e, aínda que descubriu a manobra e castigou ós Curetes, estes no confesaron o paradoiro do meniño e Zeus acabou matándoos.

"Pero Hera pediu ós Curetes que o fixeran desaparecer [a Épafo, fillo de Ío] e estes así o fixeron. En canto Zeus se enterou, exterminou ós Curetes, en tanto que Ío o buscaba andando errante por toda Siria".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 3)

Ío andou buscando a Épafo por todo o mundo ata que o puido encontralo en Siria, aleitoada pola esposa do rei de Biblos, Melcandro. Unha vez que o recuperou, os dous regresaron a Exipto, onde Ío casou co rei Telégono e, cando este morreu, Épafo se converteu en rei de Exipto [2]. Despois, Épafo casou con Menfis [3], filla do deus-río Nilo, e no seu honor fundou unha cidade á que nomeou Menfis e que, co andar do tempo, converteríase na capital do reino. Con Menfis tivo tres fillas: Libia, Lisianasa e Tebe; outras fontes din que a filla de Épafo con Menfis era Lisianasa e que foi con esta coa que Épafo tivo a Libia. Desta Libia vénlle o nome ó país de Libia, lindeiro con Exipto [4].

Poseidón seduciu a Libia e tiveron dous fillos: Ágenor e Belo [5].

Hera non podía ver ó fillo bastardo do seu home como rei de Exipto, así que fixo que morrese no trascurso dunha cacería.

  1. Esquilo escribe que foi Hera a que converteu a Ío en vaca, para impedir que se unira a Zeus, pero este transformouse en touro (Julia García Moreno en nota a Biblioteca mitológica, nota 6, px. 93).
  2. E Ío pasou a ser considerada como a deusa Isis.
  3. Pseudo-Apolodoro II, 1, 3. Outras fontes din que casou con Casiopea (Hixino: Fábulas 149).
  4. Hixino: Fábulas 149.
  5. Hixino di que Belo foi o primeiro en loitar cunha espada, e que por iso 'guerra' se di bellum (Hixino, 274, 22).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]